Calcetíns coma guantes e guantes coma calcetíns.
Hai tempo eran doados de distinguir uns dos outros. Agora hai que deterse e ollar con xeito.
Coitados! Ningún mereceu unha pinza!...
Velaí están as roupas. Non están a secar, están acochadiñas debaixo das uralitas pra se protexeren de choivas, ventos e olladas.
Xente reservada, esta roupa.
Xente familiar, apertadas unhas cas outras.
Xente prudente de máis....
Un balcón organizado, un tendedeiro de baixo custo sostible, e tanto! nos ferros do propio balcón.
Unha persoa organizada e pulcra malia a parede vella e deixada.
Contra o desleixo, a beleza de ter coidado....
Onde non chega o tendedeiro, tírase unha corda e onde a corda non chega bótase man dunha escada.
Queda a bicicleta pra tirar corda ata o infindo e alén mar!...